Así se fixo

RUTH FERNÁNDEZ

LUGO

EN FEMININO | O |

01 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

GRAZAS á editorial Xerais os amantes da literatura puidemos desfrutar, como verdadeiros privilexiados, dun encontro co escritor Agustín Fernández Paz. Sen dúbida foi para min, e quero crer que para o resto dos presentes, unha sesión singular, onde o autor de Cartas de inverno , Aire negro e Rapazas , entre unha longa traxectoria literaria, se prestou a explicarnos o proceso de creación da súa última novela, cun titulo que parte duns versos de J. Ángel Valente en Fragmentos de un libro futuro .Esquemas sobre os personaxes. Apuntamentos. Fichas. Liñas cronolóxicas. De todo había entre o material empregado polo escritor vilalbés para a elaboración de Corredores de sombra , coa que nos agasallaron no xenial acto que tivo lugar no Gran Hotel. Por primeira vez escoitei de maneira tan sentida un «así se fixo», en boca dun escritor que ao xeito de director de cine, nos contou o longo proceso dunha novela que naceu a partir dun conto brevísimo escrito tempo atrás. Dende Cartas de inverno , novela pola que coñecín a escrita de Fernández Paz e que motivou que me puxera en contacto con el por carta anos atrás co fin de mergullarme un chisco máis nesas páxinas, ata hoxe, cunha historia que chega como resultado dun traballo iniciado no verán de 2004, cando as ideas fluían como estrelas fugaces na mente do autor, nun proceso de excitación, case máxico que o escritor chairego prefire non chamar inspiración. Ao pouco de chegar á cita, conseguiu meternos a todos no peto e tal como di, se o escritor se caracteriza pola fraxilidade e por ser alguén necesitado de agarimo, que tanto precisa do calor e do respecto do lector, das súas gabanzas polas incontables horas de traballo que se agochan detrás de cada volume literario, aquí van os meus parabéns. Foi unha velada fantástica, Agustín. Cando remate a novela deixarei voar unha carta para darche a miña opinión.