Viño, cereixas e polémica

Francisco Albo
Francisco Albo CHANTADA

LUGO

Crónica | Gastronomía e turismo na Ribeira Sacra A asociación da feira vinícola chantadina cre inconveniente celebrar en Belesar unha festa dedicada aos produtos locais e di que tomará medidas contra os participantes

31 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? próxima fin de semana celebrarase na localidade de Belesar a primeira edición dunha festa de exaltación do viño e da cereixa que está a levantar bastantes suspicacias no sector vinícola chantadino. A organización -seis adegas que desenvolven a súa actividade na zona- recibiu en días pasados a copia da acta dunha reunión da Asociación da Feira do Viño de Chantada na que se cualifica negativamente esta iniciativa e se anuncian posibles medidas contra os participantes. Segundo este documento, a directiva da asociación considera a festa de Belesar como unha «feira paralela» e opina que a súa celebración é «de suma gravidade para o presente, o futuro e a supervivencia da Feira do Viño de Chantada». Así mesmo, recorda que os seus estatutos contemplan «os procedementos a seguir contra actuacións por parte dos asociados que sexan prexudiciais para os intereses e a boa imaxe do sector e da propia feira». Na mencionada reunión, por outro lado, foi aprobada unha proposta da presidencia que clarifica máis as posibles consecuencias: «Un membro da Asociación da Feira do Viño de Chantada que participe en eventos afíns ou similares á dita Feira do Viño de Chantada sen a autorización expresa da asemblea xeral, dentro do ámbito territorial desta asociación, conlevará a expulsión como socio da mesma por decisión maioritaria da asemblea xeral». Os organizadores da feira de Belesar, a pesar destas advertencias, pensan seguir adiante coa súa iniciativa, por entender que non prexudica de ningún modo a feira chantadina. «A nosa prioridade non é promocionar o viño, senón promocionar a zona de Belesar, e o viño é un elemento máis, como as cereixas e outros produtos típicos», afirma Carmen Fortes, que preside a comisión organizadora. «Non se trata en absoluto dunha feira paralela ou alternativa á de Chantada, senón dunha iniciativa que ten como única finalidade a promoción turística da zona de Belesar», explica pola súa parte Manuel Rodríguez Porto, un dos adegueiros participantes. «O que pretendemos é atraer a atención sobre esta zona, os seus produtos e os seus valores paisaxísticos e históricos, sen intención de facer dano a ninguén», engade. Dinamización Os promotores do novo festexo consideran que a súa iniciativa está en concordancia cos proxectos de dinamización turítica que xestiona o consorcio da Ribeira Sacra. «Belesar é unha zona moi atractiva, cunha paisaxe magnífica, un camiño medieval, un club náutico e unha importante produción de viño e de cereixa. Promocionar estes atractivos non ten por qué prexudicar á Feira do Viño de Chantada, senón todo o contrario, é dicir, será algo favorable para toda esta zona», afirma. A organización do festexo admite, iso si, que a elección das datas para a primeira edición non foi demasiado acertada, xa que coincidirá coa Mostra de Viños de Pantón, pero puntualiza que ese inconveniente será corrixido o ano próximo. «Escollemos esa data porque era a que mellor viña para as actuacións que contratamos e cando nos demos conta de que coincidía coa feira de Pantón xa tíñamos pechado o contrato», explica Carmen Fortes. O festexo comezará sobre as dez da mañá do sábado. Ás doce do mediodía pronunciará o pregón o popular actor Sergio Pazos e sobre as nove da noite comezará unha verbena na que actuarán a cantante Pili Pampín e a orquestra Titanic. A Banda de Gaitas do Saviñao e a charanga Garrafón.com ofrecerán tamén varias actuacións. O domingo haberá un xantar popular á beira do río e unha queimada pola tarde. A iniciativa partiu das adegas Fortes, Os Queixeiros, Veiga, Fontao, Terras de Bendaña e Condado de Sequeiras. Outras dúas empresas xa se interesaron en participar na próxima edición.