XAN presta axuda ás explotacións ecolóxicas

Cristina López LUGO

LUGO

FUNDACIÓN OSO PARDO

EMPRENDEDORES Cunha ampla experiencia no terreo da xestión técnico-económica, o promotor desta empresa tamén ofrece asesoramento neste sector

30 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Xan Pouliquen cre que unha experiencia de 15 anos no mundo da produción ecolóxica é unha base o suficientemente sólida para a posta en marcha dunha empresa seria. E así foi como hai seis meses naceu XAN, ou o que é o mesmo, Xestión Agrogandeira e Natureza, unha empresa que desenvolve principalmente dúas liñas de actividade: por unha parte, o asesoramento no eido da produción ecolóxica, tanto desde o punto de vista técnico como comercial, e destinado tanto a produtores, como a cooperativas, comunidades de montes e técnicos; e por outra banda, a xestión técnico-económica, fundamentalmente nas explotacións de leite, pero tamén nas de carne, horta ou froita. Partindo da idea de que no agro falta formación e coñecementos técnicos, a pretensión básica desta empresa é formar a todos aqueles que o necesiten, tanto no que atinxe á produción como á xestión, iso si, sen deixar de lado aos produtores. Ademais, segundo manifesta Xan Pouliquen, habendo como hai xente que require estes servizos, as perspectivas desta nova firma son boas, sempre e cando aproveiten a oportunidade que se lles presenta. Proba dese respaldo que os clientes lle están a dar a XAN é que este proxecto que xurdiu da iniciativa dun autónomo, hoxe xa conta con dous traballadores, e que están a desenvolver o seu labor por toda Galicia. Coa posta en marcha desta empresa, o seu promotor non só pretende favorecer o desenvolvemento de modelos de produción agraria ecoloxicamente sustentables e economicamente viables, senón que considera que tamén pode contribuír á creación e ao mantemento de postos de traballo no medio rural. Ademais, cos servizos que XAN presta, está dando resposta ás necesidades daqueles que buscan unha redución dos custos e do impacto ambiental, así como unha mellora técnica e económica das súas explotacións.