? grupo provincial do BNG elaborou un informe que revela o uso practicamente nulo da lingua galega na Deputación Provincial de Lugo. Os únicos organismos que dependen deste que si empregan este idioma son, segundo o Bloque, o Museo Provincial e o Centro de Artesanía e Deseño. No informe elaborado polos nacionalistas denúnciase que o caso da Deputación «é o máis severo de incumprimento legal en materia de uso e promoción da nosa língua de todas as institucións deste país». Estes deputados aseguran que tanto o presidente Francisco Cacharro como os membros do grupo gobernante caracterízanse «pola minusvaloración da língua propia de Galiza e pola actitude belixerante fronte a todo o que poda supoñer utilizala e promovela». Entre outros exemplos, lembran que todas as actas son redactadas en castelán e as intervencións dos deputados do BNG son traducidas a este idioma, motivos que xustifican que os nacionalistas se neguen a aprobar as actas plenarias. Recordan que en decembro do 2005 foi suprimido o gabinete de normalización lingüística, aínda que o convenio subscrito ata o momento coa Dirección Xeral de Política Lingüística non fora cumprido. Os deputados aseguran que ningunha documentación está redactada en galego, que a páxina web non usa esta lingua e que se deturpan os topónimos oficiais.