NO OUTEIRO | O |
13 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O PROBLEMA non é exclusivo de Lugo nin tampouco é novo. Falamos das incompatibilidades médicas. Un asunto que logo daquela denuncia do sindicato CIG aló no mes de febreiro, advertindo que había médicos que incumprían a lei de incompatibilidades -en concreto, non sendo o único caso denunciado, referíanse ao xefe de servizo de Radioloxía do Xeral-, vén de tomar novamente actualidade logo de que a Consellería de Sanidade abrira expediente informativo ao Gabinete Radiolóxico de Lugo. Xa entón o propio xerente do hospital admitía que podía haber algún caso, se ben tamén deixou claro que en moitas ocasións a oferta da sanidade pública era inferior á demanda, citando, por exemplo, o das resonancias magnéticas; o cal daría pé a pensar que en certa medida poidan ser necesarios e estar xustificados os concertos públicos cos centros privados. Apélase, asemade, as listas de espera. ¿Por que non se inviste, logo, máis en sanidade pública? O caso é que, paralelamente a ese devir que compete á Administración, está a percepción do cidadán, de cada un dos que nalgún momento fomos ou podemos ser derivados a facer unhas probas a un centro privado ou mesmo se nos suxire, tense feito abondo, que aceptemos pasar o postoperatorio nun deses centros concertados. ¿Está xustificado en todos os casos? Esa é a dúbida que nos queda, e máis desde que soubemos das denuncias sindicais e mesmo da apertura dese expediente aos radiólogos. Aclárese e tómense medidas, porque malia que é unha situación herdada da anterior administración, cómpre que agora a Xunta estableza en materia de sanidade unha liña ben definida entre o que debe ser unha sanidade pública de calidade e para todos e, por outra banda, a privada, como se sabe, só accesible para algúns.