NO OUTEIRO | O |
24 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.VAIAMOS por partes. Segundo o resultado do barómetro urbano de inverno feito por La Voz de Galicia, os lucenses estiman como boa -inda que en menor medida ca noutras ocasións-, a situación política da cidade. Cómpre preguntarse se isto é bo ou malo. Semella que bo, naturalmente; para situación enrarecida xa chega a que dende Madrid se tenta esparexer para o resto do Estado, é dicir, España. De momento, á espera dun maior achegamento de cara ás vindeiras eleccións, o 39% dos consultados consideran que o momento político é bo. Pero aténdase, igualmente, a outra cifra: aumenta o número dos que pensan que a situación é tan só regular. Falamos da situación política, non así dos atrasos no comprometido nin dalgunhas opcións tomadas polo Concello no tocante ao urbanismo, por exemplo. Malia todo, o certo é que segundo o devandito estudo a cidadanía lucense valora ben, en xeral, ao equipo de Goberno municipal. O certamente curioso é que outro fai coa oposición, xa que é a de Lugo a mellor parada en valoración despois da ourensá, malia que todas suspenden. Se ben o socialista Xosé López Orozco é un dos líderes políticos máis coñecidos e mellor valorados pola cidadanía (non só de Lugo senón de Galicia), tampouco acó os cidadáns teñen mala impresión do voceiro do PP, Xaime Castiñeira, a quen aproban, ou do seu homónimo, este na rea do BNG, Xosé Anxo Lage, que suspende pero polos pelos. Estes co inconvinte engadido de non ocuparen postos relevantes nin, polo tanto, ter tanta oportunidade para seren coñecidos. Dito o cal, a pregunta volve a ser a mesma: ¿é bo ou malo que a maior parte da cidadanía valore de xeito positivo a situación política local? Sen dúbida algunha é bo e se llo temos que agradecer a alguén é unicamente aos propios políticos.