NO OUTEIRO | O |
21 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.NON HA ser por falta de salas axeitadas polo que os lucenses non vaian ao cine. En 2005 houbo en Lugo 94.000 espectadores menos ca no ano anterior. E xa vén de atrás. A pregunta que lle fixo Raquel González, condutora do programa Voces de Lugo , ao director de cine Alber Ponte foi referida a ese asunto. Do director galego quixo que lles dixera aos ouvintes de Radio Voz que podía estar acontecendo aquí para que houber esa perda. A explicación, amais de dar outros argumentos e deixar máis dunha idea, foi que para que todo o que envolve ao cine sexa rendible cómpre esforzarse máis e «curralo». Referíase, naturalmente, a que non chega con proxectar unhas películas -unha mala sopa ás veces- e agardar a que a xente sinta a obriga de meterse no cine, previo pago de 5 euros e pico. Porque ao mellor o que lles falta aos empresarios deste sector é a motivación empresarial. Pero seica o deles é unha empresa, ¿non é? Caramba, pois dean ofertas, poñan máis publicidade, programen mellor, ofrezan cine alternativo, en versión orixinal, achéguense aos centros educativos, acorden con outras empresas, etc. Máis froiticieiro ha ser, tanto para os consumidores como para os empresarios. Quero supoñer, entón, que buscar alternativas e botarlle algo de imaxinación será mellor ca quedares de brazos cruzados. ¿Por que se ha dar por perdido ese negocio? É necesario. O que non pode ser é que, por exemplo, haxa salas, en Lugo, si, onde por non ofrecer nin sequera dean un folleto informativo das películas. ¿Será porque ás veces non teñen argumento?