O despertar da zona alta

Xaime López Arias SARRIA

LUGO

XOÁN CARLOS GIL

Crónica sarriana | O Barrio Andión Este popular enclave de Sarria estivo moitos anos parado e agora comenza a ser obxecto dun importante movemento urbanístico

04 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

As rúas da Calexa, Padre Sarmiento, Frei Luís de Granada, Mestre Piquero e Rosalía de Castro constitúen o que popularmente se deu en chamar Barrio Andión, só pola razón de que cando se parcelaron individualmente os terreos que ocupan, por conta da Marquesa de Vilaverde de Limia, o seu apoderado se apelidaba Andión, e así lle deu nome quen non tiña nin unha cuarta de terra en Sarria. Estos terreos, que ían dende a traseira da rúa Maior á capela de San Lázaro e á zona de Vales e as Castiñeiras, eran coñecidos como Prado Grande, Os Barredos e O Campiño, pertencían na meirande parte aos donos da Casa Grande, e ata 1890 formaron parte da parroquia de San Pedro de Maside. Precisamente na capela de San Marco, no Campiño, estaba o marco que delimitaba as parroquias de San Salvador, Santa Mariña e San Pedro de Maside. Co propósito de achegar a parte alta da vila ao novo barrio da Estación, cara a 1912 empezouse a falar de abrir unha rúa que atravesando os Barredos, Vales e as Castiñeiras, fose ata as proximidades do cruce da Estación, para o que se facía preciso tirar as casas 23 e 25 da rúa Maior (Casa Yebra e Miralde), propósito que chegou a ser tratado en sesión do Concello, sen dar lugar a actividade algunha, malia que os propietarios da Casa Grande, xa con poucas raíces na vila, viran a proposta con bos ollos. Mais como o Concello non se mollou economicamente, axiña se deixou arrombada a idea, que tivo que agardar máis de 30 anos para que a parcelación fose realidade. Pasada a Guerra Civil, a Marquesa de Vilaverde de Limia divide a Casa Grande en seis partes e abre as rúas riba dos amplos terreos da súa propiedade. A visión dos alcaldes da época permitiu que se abrisen cunha anchura xenerosa, fronte ao raquitismo que se deu á hora de abrir as rúas do mal chamado Barrio Novo, que constituiu unha operación de roñería e falla de previsión, mentres que no Barrio Andión as previsións foron con máis ollada cara ao futuro. A Marquesa esplanou as que serían rúas Padre Sarmiento, Frei Luís de Granada e Rosalía de Castro. As dúas últimas quedaron interrompidas ao chegar á cerca da Horta de Neira ou de Solance e á rúa Padre Sarmiento. No entroncamento coa de Porvir víase estreitada polas casa de Leonardo Prieto. Axiña se venderon os terreos fraccionados, sendo Xulio Rodríguez, Carballeira , o que adquiriu máis solares, alzándose cosas novas, moitas delas dedicadas ao alugamento barato, co complemento de cortellos e hortas. O Barrio Andión, recén nado, foi dotado de dúas fontes, unha na rúa Rosalía de Castro, que era unha simple billa, e outra en Frei Luís de Granada, feita en pedra, a onde tiñan que ir recoller a auga con baldes e cántaras as diversas familias. Na rúa Rosalía de Castro, promovida polos Mercedarios e a súa parroquia de San Salvador, instalouse a Escola de Padroado Divino Salvador, rexentada por dona Antonina Rodríguez Álvarez, unha soberina que atendeu a numerosas xeracións de nenos e nenas, cunha efectividade moi grande, pois procedía do chamado Plan Profesional e seguía métodos de ensino moi interesantes. Construídas as primeiras casas, e maila a cercanía ao que entón era o núcleo comercial e de goberno, o barrio entrou nun período de estancamento, que se mantivo por décadas, carente como estaba de dotacións. Cando foi vendida a Horta da Neira á familia de Armindo Pena, poideron ser entroncadas as rúas Rosalía e Frei Luís, chegando xa ata o muro da Horta de Saco. Sendo alcalde Euxenio Quiroga instálase a rede de sumidoiros e no mandato de Manuel Lence acondicionouse a totalidade do barrio, abríndoo ata o Murallón.