Un escritor sarriao que é recoñecido en Barcelona

Xaime López Arias SARRIA

LUGO

Crónica | Terceira publicación de Leo Coyote Este novelista nado na parroquia de Rubín en 1958 está asentado na Cidade Condal e sacou a finais do pasado ano unha nova novela, «Perro flaco»

21 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A curiosidade, que sempre foi boa conselleira, permitiunos un pouco ao chou, tomar coñecemento na rede da existencia dun escritor sarriao, asentado en Barcelona, que ven de publicar unha nova obra. Trátase dun autor que asina como Leo Coyote que naceu en Rubín-Sarria en 1958. Esta é toda a referencia que temos, seudónimo e nacemento. En 1999 publicou El año del terremoto e no ano 2001 Lunes, miércoles-sábados y otras historias paralelas. En novembro de 2005 acaba de publicar na Editorial Almuzara Perro flaco , unha novela de 160 páxinas. As referencias da obra, que en breve espero ler, din que esta é unha novela alucinante. O é pola historia que conta, mais tamén polo ritmo co que está narrada e o humor negro que dispara. Esta é unha narración das rúas e das xentes de Barcelona que vibra como a mesma cidade. Un tremendo xogo de enredos e azares, movido por decenas de fíos que se enmarañan e confunden. Un xogo orquestado como un implacable mecanismo de reloxaría. Esta é unha comedia da vida contempóranea. Unha novela popular, pola linguaxe do narrador e pola fala dos seus personaxes. Unha historia de mulleres fortes e perigosas e de homes buscavidas. De timos, mortes, venganzas e sorpresas. Sorpresas para os mesmos personaxes que a poboan, sorpresas e tamén para o lector, que chegará, sen alento pero agradecido á última frase. O autor, no non o esquezamos, un sarriao de Rubín, defínese como «novelista, bebedor e cociñeiro». Di ser considerado co tipo fuxidío e algo perigoso, e que algúns comentan que se adica á literatura para expiar as súas culpas. Asegura ter coñecido a todos os personaxes das súas novelas. A Leo Coyote gostaríalle dicir que, como os grandes escritores norteamericanos, se ten dedicado a varios oficios, máis na realidade o certo é que nunca traballou en nada. É devoto da literatura negra. Leo Coyote, lamentablemente para nós, un descoñecido literariamente falando na súa terra natal, ben merece que cando vai xa pola súa terceira obra reciba a atención do cativo mundo cultural da terra de Sarria. Aínda que non o pareza, Sarria ten un activo un bo número de escritores, ben valorados nos medios e nos espacios foráneos onde residen, e ós que pouca ou nula atención lles adicamos os coterraños, moito máis postos en labores mestas e de máis prebe e unto. Benvida sexa a confirmación de Leo Coyote, sarriao de Rubín, como autor consagrado. Non estaría de máis que as bibliotecas da vila, a do Concello e as dos centros de ensino, así como as particulares dos amantes da cultura, se enriquezan coa aportación destas tres obras do sarriao Leo Coyote, que menos.