Nós imos a menos

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

18 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A MEDRA da pobación galega é pouca se o comparamos con comunidades como Cataluña, onde se superaron os 156.000 habitantes. Aquí, na nosa comunidade, foron pouco máis de 11.000, segundo os datos do INE. Mais non é ese o caso da nosa provincia, que como vimos repetindo segue a perder poboación sen que vexamos no horizonte máis chegado un cambio de ritmo. A de Lugo, lonxe de gañar en poboación vén de perder 827 habitantes. En total, segundo o último padrón, somos 339.555 lucenses dun total de Galicia que acada os 2.762.198 habitantes. Agora ben, comparemos a extensión da nosa provincia coa que posúen outras e saquemos as nosas conclusións. De calquera xeito, os datos só fan que reflectir dese proceso que vai levando á xente cara á costa, un camiñar que semella imparable. Ocorre a nivel de todo o Estado, pero tamén aquí se albisca. ¿E logo non? De cada dez estranxeiros achegados a Galicia perante o ano pasado, oito, nada menos que oito, fixérono, non para ficar nunha paisaxe verde como a do Incio, en Samos ou Láncara, senón para arribar onda máis cemento hai, nas grandes cidades ou núcleos de poboación, principalmente na provincia da Coruña e Pontevedra. Ou sexa, que sendo Galicia unha das comunidades de España nas que menos concentración de inmigrantes se produce, resulta que dos aproximadamente algo máis de 69.000 estranxeiros residentes aquí, só unha escasa minoría faino na provincia de Lugo. O cal non chega nin de lonxe para compensar o número de falecementos, a feble taxa de natalidade e outras variantes máis, algunha delas podería ser a da nosa propia emigración. En definitiva, ¿como se cambia esta situación? Talvez unha vía sexa apostando pola innovación, desenrolo e investigación alén dos laboratorios.