Aninovo caro

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

02 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

TALVEZ cos mesmos propósitos que hai xa tempo, comezou un novo ano. Poida que aquilo que tanto anhelamos tampouco veña agora. Poida que si. Ogallá se cumpra o que tanto arelamos. Emporiso, o que xa veu seguro é o cambio de tarifas. Canda a suba da bombona de butano, o prezo do gas natural e a modificación do aplicado nalgunhas peaxes, billetes de avión e taxas, engádase tamén a do recibo da luz, que sube un 4,48%. Porque os galegos, malia ser produtores nisto, tamén imos ter que asumir o encarecemento do prezo da electricidade igual có resto. Será por falta de solidariedade. ¡Ah!, e non esquezamos a suba dos transportes. En Lugo subiu o prezo do transporte público urbano, malia que segue a ser o máis baixo de Galicia. O que pasa é que ficar parados non axuda á hora de pagar outros recibos como o da auga, comunidade de veciños, os das hipotecas, etc. E menos mal que alomenos quedou conxelado o prezo dos selos e o que aplica Telefónica pola cota de abono. Certo é que os impostos son precisos, pero vendo o panorama quitaría as ganas de tanta festa. Ou poida que sexa esa a única maneira de quitármonos de enriba a triste realidade. Porque novamente, esta, vértenos novas alarmantes. Polo menos son xa tres -dúas mulleres e un home- as vítimas da violencia doméstica en España. Sucesos coma este ou mesmo o da insistente fatalidade dos accidentes de tráfico, son os que mellor nos fan ver que no transo dun ano ao outro -agás o referido dos prezos- cambian moi poucas cousas. Claro que afastándonos diso, por outro lado tampouco é preciso que cambie todo, non é? Troque só aquilo que sendo bo para nosoutros, sexa tamén o menos malo para os demais.