NO OUTEIRO | O |
28 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.A POSICIÓN do idioma galego con respecto ao castelán non é de igualdade. Sabendo abondo que o galego é o idioma materno de Galicia, ámbalas dúas linguas non deberan ser enfrontadas á hora do seu emprego. E menos artificialmente. Agora ben, certo é que o (idioma) galego está seriamente ameazado. E non é menos certo, que os españois temos -no que é para algúns de nós unha segunda lingua- a sorte de falar nun dos idiomas máis ricos e empregados do mundo. Dito isto, ao galego e o éuscaro non lle acontece como co catalán, que en troques de ir a menos, semella que incluso medra no seu ámbito de aplicación. ¿Por que? Quede claro, por se acaso, que a lingua galega non só é útil para determinados usos ou en ambientes familiares. ¡Ca! Emporiso, tamén que ninguén pense que impoñendo o calzador se producirá un antes acomodo que evite a mingua no emprego do galego. Por certo, nos pobos e aldeas da nosa provincia esa mingua xa é tamén significativa. Por iso, son os poderes do Estado os que deben procurar de encamiñar aquelas medidas que favorezan a normalización lingüística. Deste xeito, hai unha semana o Congreso aprobaba por unanimidade unha proposición de lei do BNG na que se lle solicita ao Estado español que desenvolva o comprometido na Carta europea das Linguas Minoritarias. É dicir, que se o son, se protexan estas no que atinxe ao eido económico, administrativo e sociolaboral, aos medios de comunicación, no reparto da xustiza, na Educación, etc. Como vén de afirmar o voceiro do BNG que defendeu a proposta no Congreso, «nos anos 80 o galego atopábase aínda nunha situación de vantaxe que non é a que ten hoxe». Ha ser a sociedade quen, maiormente, poida afastar da perda e abandono ó galego. Abondaría con empregalo para que el se defendera só.