Coas luces da precaución

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

07 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

OGALLÁ puidérase ver doutro xeito, con algunha esperanza de que a por de tanto loito os condutores pisaramos o freo e acenderamos as luces da precaución. Pero o exceso de alcohol, o trasnoite, a présa por chegares antes ou probar a capacidade do coche, un despiste calquera ou unha mala hora, etcétera, todo fai que as novas lutuosas referidas ao asunto se esquezan axiña. Nin sequera sendo tan dramáticas e espiñentas coma as destes días, onde a cifra dos falecidos e feridos nas estradas galegas no que vai de acueduto asusta abondo. O número de falecidos xa supera a ducia. Engádanse os accidentados. Deste xeito, ao falecemento deses tres mozos que perdían a vida nun salouco en Conturiz, hai que engadir o finar doutro que languidecía en coma xa dende o mes pasado no Hospital Xeral. Asemade, os cinco accidentados en Muimenta e, entre outros máis, o señor atropelado na N-VI. A propósito, ¿puido ser determinante que ese treito tan frecuentado polos lucenses sen embargo aínda careza de alumeado? E se talvez a pasarela non estivera pechada... Claro que de abrila e se tamén acontecera algo non desexado, dadas as obras, o Concello había ser igualmente responsable. Así que... O que está claro é que no que vai de ano o número de mortos nas estradas con menos de 30 anos supera xa o cento. E se miramos as cifras do ano pasado, morreron máis de 345 persoas, a maioría xente nova. ¡Éche moito! Demasiado, si, para que malia iso ningunha concentración ou manifestación chame á concienciación nas nosas rúas e prazas máis significativas. ¡Xa que está tan de moda...! Efectivamente, neste asunto, frivolidades só as xustas. Precaución toda. Pero a realidade é a que é. ¿Podemos facer algo? Comécese por limitar a velocidade, non tanto con radares, senón a que traen de fábrica os vehículos.