NO OUTEIRO | O |
17 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.XA PODEMOS ir na procura do noso antes que chegue o Nadal e suba de prezo. Ninguén nolo vai a dar como agasallo. A non ser, claro, que Aja... Porque o marisco non era para el, senón para cumprir coas necesidades protocolarias. O ex alcalde de Viveiro manifestou que así o vai probar diante do Supremo, aproveitando que o xulgado de Instrución deu traslado ao alto tribunal, quen xa se fixo competente. Cómpre dicir que previo informe do propio fiscal xefe de Lugo, de quen o senador do PP pon serios e preocupantes reparos. Acúsao nada menos que de mirar só polas causas que afectan aos edís populares. Neste sentido, apelou a que na provincia son moitos os edís do PP imputados, mentres que, sempre segundo el, aquilo que afecta aos demais «arquívase rapidamente». Afirmación trala cal quedou tan ancho, instalado como está na absoluta tranquilidade. ¡Que vai dicir, claro! Iso si, talvez non sexa o máis axeitado acusar á fiscalía de falta de imparcialidade cando se é investigado por senllos presuntos delitos de malversación de caudais e falsidade documental. Porque non só é motivo de investigación o destino ou fin que lle deu ao marisco adquirido coa Visa do Concello. Tamén hai tras del o peso doutra querela, esta para investigar a adquisición duns terreos que puideran ter sido sobrevalorados adrede. Loxicamente ninguén lle vai quitar ren da presunción de inocencia que merece, pero alomenos algo de prudencia viría ben. Sobre todo porque ás veces dinse cousas inconvenientes, igual que comparar, Aja, os agasallos dunha empresa privada cos dunha Administración. Lembrámoslle que os cartos públicos son de todos e colleitados grazas a non pouco esforzo dos cidadáns. A ver se agora vai resultar que pagar impostos é botar unhas risas.