NO OUTEIRO | O |
03 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.¡QUÉ envexa! Asistía marabillado o pasado martes a outra representación da ópera Madame Butterfly , de Puccini, cando pensei na sorte dos coruñeses. Por teres un lugar como o Palacio da Ópera, tanto no seu esplendor como na acústica. Naturalmente que os lucenses nos temos que mirarnos cada mañá no espello dos demais, pero de vez en cando convén. Aquí en Lugo, os afeccionados a este xénero musical -e a outros tamén- temos dous problemas. Talvez tres. Por un lado, as óperas que se programan acó non pasan dunha ao ano. E isto, que vai sen dúbida no debe dos responsables políticos locais e tamén no dos programadores das respectivas entidades privadas que colaboran co Concello, debera mellorar xa de cara á presente tempada. Inda que, como segundo problema, carezamos, como é certo, dun lugar axeitado no que gozar do esplendor das voces e sons instrumentais que se xuntan nunha representación operística. O tan traído e nin sequera comezado auditorio vén de vello nas demandas dos lucenses. A estas alturas non cómpre xa cuestionar a idoneidade do lugar escollido, o cuartel de San Fernando. Si convén, pola contra, lembrar a brutalidade das cifras, en forma de investimentos, dirixidas polos anteriores administradores da Xunta á Cidade da Cultura; agora no ar. ¿Acaso non houber sido mellor repartir eses cartos nos lugares que como Lugo adoecen de infraestruturas culturais? Pero, por outro lado, ¿ha ser bo deixar estragar o investido? ¡Miúda pataca quente! Máis este non era o terceiro problema ao que me refería, que si é, en troques, crer que a ópera é para unha elite, como sinalaba alguén dende a bancada local dos nacionalistas hai uns meses. Unha afirmación así contrasta co cheo absoluto das tres últimas representacións que lembro, a de Carmen, La Traviata ou a xa antes mencionada de Puccini. Dito todo, ¿cal é, logo, o problema?