Comamos o polo tranquilos

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

27 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

POIS eu non é por contradicir pero... Menos aínda á señora ministra, ao señor conselleiro e se queren ao sindicalista que afirmaba onte non terse producido un descenso real nas vendas do polo. Malia que, iso si, advertía estarmos no tempo onde normalmente baixa a produción do polo. Sen embargo, vén de contarme un empresario que o tratamento que se lle está a dar ao tema da gripe aviar estalles a producir grandes perdas no sector. Entre un 20% e un 30%. A propósito, un sector que abrangue non só aos granxeiros, senón tamén ás fábricas de penso, distribuidoras, salas de despeces, pequenos, medianos e grandes supermercados, poboación flotante, etc. Manuel, propietario de Alimentaria Santín, S.L., unha empresa lucense dedicada á distribución do polo e mailos seus derivados, retratou para os lectores deste xornal cal é a verdadeira situación. Afirma que onde antes ao mellor se vendían dúas caixas agora só unha. Convertido en euros, no seu caso falaríamos dunhas perdas diarias que roldarían os 600 euros. «E inda grazas -engade- a que os despeces van tendo saída». Pero subliña que se isto é así só se debe a que maiormente as peitugas, zancos, ás e demais partes do pito van dirixidas aos hospitais, residencias da terceira idade, colexios e demais centros onde non dubidan da calidade do polo nin, ata o momento, poñen reparos. E xa que vimos de mencionar a calidade, tal e como advirte M. Santín, os controis sanitarios son exhaustivos e fanse acotío. Di que alomenos no seu caso conta cos medios máis modernos e que incluso as cámaras de arrefriar funcionan por ordenador. Salienta, por outro lado, que non hai día no que o veterinario da Xunta non examine as súas instalacións. E así pode dicir que a todos. Pide que non se alarme inxustificadamente á poboación. Quizais o mellor consello.