O caso é queixarse

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

24 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

CANDO non son uns, son os outros ou todos. Falar así non quere dicir en modo algún extinguir coas queixas de ningún dos partidos que nos representan. Sexan os que sexan, reitero. O PP lucense, segundo recolleu onte este xornal, afirma que a Xunta «castiga» aos concellos onde gobernan. Asemade, alegan que están no seu dereito de recordares o que xa de atrás estaba pendente de execución. Pois só faltaría que alguén llelo negara, apostilo eu inda que poida que unha acusación deste tipo sexa froito temperán. Dende logo si que foi cando ao pouquiño de ser elixido o novo Goberno da Xunta xa dende as filas do PP había quen se queixaba amargamente e demandaba en público o que antes só pedía, suponse, en privado. En todo caso, non veña este recordatorio a producir unha mingua no valor da protesta que se citaba ao comezo. Acéptese, iso si, que estas cuestións non deixan de ser o troupelear co que acotío nos agasallan os políticos. Fagamos, se non, uso da memoria e lembremos que non hai moito os alcaldes lucenses que non son do PP, e mesmo algúns que si o son, queixábanse do «maltrato» que segundo eles lles dispensa a Deputación Provincial. Ou sexa, que de facer caso destas acusacións habería que atendelos a todos por igual. Porque xa sempre se dixo que o que reparte, para si a mellor parte, ¿no si? Con todas e esas, conviría que os nosos representantes miraran menos pola queixa -é dicir, ese suposto ou efectivo «castigo»- e fixeran máis por aportar proxectos, ideas, recursos e sobre todo diplomacia. Ás veces cunha explicación e diálogo conséguese máis. Porque se acaso os que deberiamos ter a queixa permanente na punta da lingua habíamos ser nós, os cidadáns. Nosoutros si que non temos nin a capacidade nin o poder que acumulan e se reparten eles. Téñano en conta. Todos.