¡Pobre becerriño!

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

27 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O PRIMEIRO sentimento foi de comparecencia, inda que non é ese a maneira máis axeitada de sentir nestes casos. Cóntolles. Resulta que nunha granxa de Luaces, feito do que deu debida conta este xornal, naceu un cuxo con só tres patas. Manter en pé tanto peso con iso debe ser complicado abondo. Din os donos que malia esa dificultade natural pace e mantense igual cós outros. Tranquilizoume sabelo. Este feito tróuxome ao acordo un becerriño meu de tamén tres patas. De primeiras contaba coas catro pero non sei de qué maneira nin por qué diaño quedou con tres. Supóñoo pero non podo recordalo. O caso é que nunca eu me quixen desfacer del. Gustábame velo alí pacendo por Nadal non lonxe do neno Xesús. ¡Home!, non semellaba ao de Begonte pero era ben chuliño. Daquela aínda eu non perdera a costume de poñer o Nacemento completo, con río e todo, a carón da árbore de Nadal. Tal meu proceder era cousa que lle producía risa a un curmán meu. El non podía entender que aquí un quixera colocar entre o verde un cuxo mutilado canda tanta fermosura e perfección. Pero a min gustábame, que lles vou contar. Era tanto como pintar, precisamente nese ambiente, unha realidade que moitas veces esquécese. Porque preferimos mirar cara o outro lado.