Demasiado engordiño

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

22 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

METRO e medio de algas nalgunha praia non foi o peor. Non amolou máis iso cos atascos. Quilómetros e quilómetros de ir co pé no embrague nun para e arranca incesante. Cando non parados de todo. Mal para o coche, malo para un e mal sabor que deixa no visitante ese tropezo. Chamémoslle tropezón. Porque non é novo, oian. Acotío falamos do tráfico e retencións das capitais pero pouco disto que ocorre cando se volve a elas. Así que mentres que agardamos pola autovía, as colas da N-634 deberan producir certa inquedanza. Tan sequera para que se prepare nas zonas da costa lucense máis afectadas polas retencións un mellor dispositivo de Tráfico. Por exemplo, non estaría mal no treito que vai dende Ribadeo ao empalme a Foz. As colas dalgúns domingos fannos perder a paciencia. Que, malia a todo, hai que conservala. Pero de haber algunha alternativa, talvez outro dispositivo, o tráfico sería máis fluído. Cabe supor iso. En fin, calquera alternativa ha ser sempre mellor ca ter que sufrir iso unha e outra vez.. As autoridades locais deberían premer máis. É unha mágoa que uns fermosos días de sol na Mariña se vexan enchoupados por algo así á volta.