NO OUTEIRO | O |
12 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O PRESIDENTE da Xunta colleu a bici dos símbolos. Se primeiro foi na praza do Obradoiro, días máis tarde había ser nas Fragas do Eume. Se un día se viu cos sindicatos e patronal, decontado foi onda o Rei. É unha maneira de amosar canto se pretende cambiar do que ha seguir alí onde estaba. Sobre dos mesmos piares. Dito doutro xeito, é levar á práctica o teórico aquel pronunciado polo socialista Pérez Touriño o día da súa investidura. O presidente dos galegos tiña preto a Anxo Quintana: o vicepresidente. Enfronte só fisicamente. Agora ben, máis importante cá presenza dun e outro é, sen dúbida, o pensamento, a liña ideolóxica vertida dende aquela tribuna. Sen menosprezar ás persoas, evidentemente. E niso, no que atinxe ao programa, había un desexo común e non pouca necesidade de levar adiante outro proxecto. Unhas políticas que supoñan o afianzamento daquilo ben feito ata o de agora. Que haino. E, pola contra, fendan co malfeito. Han cambiar, debera ser así, certas maneiras de facer país. Tamén a mirada que do mesmo se teña será determinante. O cidadán ha xulgar. Denantes, consumiranse eses primeiros cen días. Caen os primeiriños graos. redac.lugo@lavoz.es