DESDE EL ADARVE
27 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.RESPECTEMOS a presunción de inocencia dos catro imputados polo incendio da Fonsagrada -e o labor da maioría de brigadistas-, e refresquemos os ánimos coas venturosas choivas das últimas horas. Fagámolo sen olvidar que cheira a chamusco arredor do monte e lembrando que, sen chegar ás proporcións alarmantes que tivo o lume en Galicia hai unhas décadas, o problema persiste e ameazará Lugo durante moito tempo. Despois de tantos anos, e antes de que os pesimistas nos toleen con que o lume e a vellez acabarán coa provincia, cómpre atopar xa solucións axeitadas. Parece claro que os incendios non poden reducirse a un problema policial. Se cadra o da Fonsagrada o sexa -en todo caso denotaría unha insensibilidade alarmante pola queima e polos millóns de euros que se empregan-, pero por detrás da chamada «industria do lume» lapean intereses. Minimizar o problema ou agochalo informativamente é malo porque así non se xustifica unha atención adecuada en medios e políticas, e confialo todo ao labor dos medios de extinción tampouco parece boa idea pois o sistema segue trufado do clientelismo e da precariedade laboral que impón a temporalidade nas brigadas. A recente delimitación de parroquias con especial risco de incendio forestal, anque deixa en bo lugar á provincia de Lugo respecto á inaceptable situación de Ourense, parece superada polos acontecementos. PSOE e BNG coinciden na necesidade de combater a despoboación das zonas rurais, e en reorientar a política forestal incentivando a conservación e limpeza do monte. Parece que tamén se quere profesonalizar máis os servizos de extinción. É algo fundamental. Aparte da transparencia nas contratacións, no aluguer de helicópteros e ata na compra de motobombas, penso que é necesario coordenar e redefinir os distintos servizos de intervención da Xunta . Madrid -logo de que ningún medio aéreo da capital puidera actuar no Windsor-, acaba de comprar sete helicópteros para bombeiros. Aquí tamén se necesitan todo o ano aparellos de emerxencias: para vixiar e desprazar rápidamente brigadas e auga aos lumes no verán, para a protección civil no caso de accidentes e nevaradas, ou para o habitual rescate marítimo. Xente e máquinas preparadas para todo, capaces de actuar enérxicamente nos primeiros momentos, e con comunicacións e mandos que saiban sacar a persoas do medio dun lume aventado. Os incendios non poden ser un círculo vicioso máis, tan só uns inimigos.