Beiras tamén asina

LUGO

PRADERO

En directo | Éxito de participación na Feira do Libro O político nacionalista estivo máis dunha hora dedicando exemplares xunto a Pillado e Fernán-Vello. Xavier Alcalá presentou o seu segundo tomo sobre a triloxía evanxélica

14 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Os libreiros amosaban a súa satisfacción por xornadas como a de onte. A tarde quedou con sol e os lucenses animáronse a pasear polas casetas e a mercar libros. Pero houbo dous feitos que sen dúbida fan que unha feira teña tirón: Xosé Manuel Beiras, referencia do nacionalismo durante décadas, asinou o libro de conversas que lle fixo Francisco Pillado e Fernán-Vello, A estrela na palabra ; e Xavier Alcalá presentou o seu segundo volume sobre a triloxía evanxélica. Beiras fíxose esperar. Chegou con vinte minutos de retraso. Xa o agardaba unha cola de persoas cos libros nas mans. Asinou con paciencia as ducias de exemplares que lle puxeron por diante, e así durante máis dunha hora. Alguén lembrou que tamén Aznar asina por España adiante. Riu, como querendo dicir que era diferente. Pola súa parte, visitou a feira Xavier Alcalá, que presentou, xunto ao vicepresidente de Galaxia, Benxamín Casal, e Marcos Zapata, membro da comunidade evanxélica, o segundo volume da triloxía sobre a persecución dos evanxélicos durante o franquismo, e que leva por título Nas catacumbas . Alcalá sinalou que se trataba dunha triloxía de encargo, pero que á vez servía de documento para coñecer a represión que viviron durante moitos anos os evanxélicos en Galicia. Destacou que están morrendo moitas testemuñas directas da historia desta comunidade relixiosa e que era necesario que os galegos coñecesen o que pasou, «porque tamén é unha historia de España vista desde o punto de vista dos evanxélicos». O escritor afirmou que xa está preparando a terceira entrega, tras Entre fronteiras e Nas catacumbas , e que levará por título Unha falsa luz . Nesta novela, apuntou, rematará no ano que morreu Franco. «Para continuar a partir de 1975 habería que ter perspectiva histórica», sinalou Alcalá. O poeta chairego Miguel Anxo Fernán-Vello tamén asinou onte exemplares do poemario Territorio da desaparición , publicado por Galaxia.