Día dos Milagres

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

26 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

VARIAS veces fun ao santuario da Virxe do Milagres, en Begonte. A última hai dous anos; precisamente no día da súa festividade: 24 de maio. O que menos me gustou foi ver á imaxe da Virxe empapelada de billetes, non precisamente dos pequenos. Hai quen me asegura que algunha vez houbo un cartel que poñía que non se admitían menos de cen pesetas, pero eu nin o vin nin dou creto a que fose así. O caso é que do que vin si podo falar e a sensación que tiven ao ver á Virxe arrodeada de algo tan material -inda que necesario- como os cartos, debo confesar que me produciu certo rexeitamento. A fe é unha cousa e o mais é outra; agora que cada un... Tamén me sorprendeu que as candeas foran amoreadas todas xuntas nun caseto á parte que deslucía moito a entrega dos portadores da devoción. Por certo, a piques se estivo de producir alí un incendio fortuíto ao prenderen unhas coas outras, quedando todo quedou nun susto. Impresión tamén me deu ver que había ousados mercando nos doces de nata expostos á cacheira do sol. Alleo a iso, respecto das bágoas de emoción da xente xa agradecida ou da aínda necesitada dun milagre, ren que dicir; faltaría máis.