En directo | Homenaxe a Lorenzo Varela Unha placa, descuberta durante unha actividade á que asistiu moito público, políticos e escritores, lembra a casa do barrio de Recatelo na que viviu dende 1932 a 1934
16 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A casa do barrio de Recatelo na que viviu Lorenzo Varela dende o ano 132 ata o 1934 ten dende onte unha placa na fachada que lembra a tan ilustre inquilino. É a número 176 da ronda da Muralla, diante da que se concentraron ao mediodía máis dun cento de persoas, na súa maior parte monterrosinas, para asistir ao acto oficial da descuberta da inscripción, que compartiron os políticos e os escritores presentes. Ademais dos alcaldes lucense e monterrosino, Xosé López Orozco e Antonio Gato Soengas, participaron o subdelegado do Goberno, Xesús Otero, ediles dos tres grupos da corporación de Lugo e numerosos membros do municipio natal do homenaxeado. Entre os escritores, estiveron presentes Darío Xohán Cabana, Paco Martín; Yebra de Ares, cronista oficial de Monterroso, e Fernando Salgado, que pola tarde presentou no Concello capitalino un libro sobre o protagonista do Día das Letras Galegas, que ten lugar hoxe. Na súa intervención, Antonio Gato agradeceu a acollida dada aos veciños de Monterroso e manifestou a súa ledicia por compartir o acto de Recatelo. Según dixo, ese «era un lugar sagrado para Lorenzo Varela», porque tiña cerca o Instituto e estaba ao lado da Porta de Santiago, pola que entraba na cidade cando viña do seu municipio e tamén pola que subía á Muralla para divisar o monte Picato «e cheirar as súas terras». O mandatario subliñou a cualidade literaria do poeta, pero quixo destacar sobre todo a súa figura persoal e política, «como se ve agora coas investigacións que se fan». Lembrou que mantuvo por encima de todo os seus ideais, polos que tivo que marchar fóra do país. López Orozco dixo que para os de Lugo é un pracer recordar a aquelas boas persoas «que fixeron ben e o fixeron ben». Xustificou a homenaxe que lle tributou a cidade por ser un home «que sen ser natural de aquí, amou a Lugo», cidade a que lle dedicou un poema que vai figurar noutra placa que se vai colocar na casa consistorial, «para que quede na memoria dos lucenses e que a xente o lea». O poeta formará parte do paseo dos escritores, que se abre hoxe na praza Maior, no que figuran autores lucenses e non lucenses pero que escribiron sobre a capital. Orozco dixo que os dous concellos están unidos por moitas cousas, «e Monterroso prestounos a un escritor tan grande coma este». Na súa viaxe a Arxentina, na Federación de Entidades Galegas tivo a ocasión de falar con xente que o coñeceu alí.