Vivaldi, Haendel e Pergolesi

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

11 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O FESTIVAL de Música organizado polo Concello, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia, estanos a deixar marabillas como a do martes pasado. Non nos imos a referir á señora do móbil, claro; hoxe non. O salón Rexio do Círculo estaba ateigado dun público ávido de secar as gotas dunha tarde chuviñosa con música e voces dos séculos XVII e XVIII. Música antiga para relaxar a mente, poida que engrandecer o espírito e afastarse da realidade. Abría o concerto con Vivaldi a cargo de L'assemblée des Honnestes Curieux. De aí ao remate xa non perderíamos o arrecendo da emoción contida. Co Salve Regina de Haendel, nun perfecto equilibrio cos instrumentistas, descubriríamos a unha doce Anne Magouët, desbordante xa na primeira parte. Na segunda, co Stabat Mater do compositor napolitano Pergolesi, en solitario ou a dúo a soprano e o contratenor Jordi Domènech -que moi divo el, restando, sen embargo emocionou-, alcanzaríanse momentos sublimes, como en Cuius animam gementem (ela) Quae moerebat (el) e Qui est homo, qui non fleret (a dúo). Pero o cumio había chegar co do agardado Quando corpus morietur, a dúo. Grandes e vivos aplausos.