Alcaldes sen filloas

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

02 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

MÉRITO téñeno esas mulleres de Muimenta que malia ser o Día da Mai non lles amolou facer filloas na prancha para o padal de veciños e forasteiros. As pobres filloeiras non daban abasto así que foi a hora do xantar. Compréndese, logo, que non toda a mestura de leite, ovos e fariña resultara como se agardaba dun doce mesmo cantado por Alfonso X. Sen esaxerar nada, había filloas que semellaban ser un deses tapetes que facían as avoas. Non só foi apreciación miña, era comentario de todos. Agora ben, non por compensar, dígase que o churrasco de cocho estaba saboroso e ben asado: a dez euros a ración, non incluídas as filloas, que valían a dous a media ducia. De calquera xeito, no recinto de Moexmu non cabía ninguén. Talvez por iso o alcalde de Muimenta tampouco este ano tivo a ben quedar co resto do pobo, comentaba a xente por alí. Quen si o fixo, na degustación da carne de tenreira celebrada na Pobra de San Xiao, foi o alcalde desta localidade de Láncara. Iso si, unha vez máis, tanto el como os convidados fixérono nunha carpa separada da do resto da xente. Sendo así, algúns alcaldes non merecerían «as filloas» que máis lles interesan.