NO OUTEIRO | O |
07 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.EN DÍAS tan tristeiros para os católicos, un amigo vén de contarme que pasou a Semana Santa en Sant Miquel de Cuixá, Francia. Prefire chamarlle así que non Saint-Michel de Cuxa, segundo di porque alí aínda falan o catalán e aquilo segue a ser, para os que pensan coma el, a Catalunya Nord. Con iso ou sen iso, quería atopar algo de paz interior e nada como recluírse nunha abadía xunto a cinco monxes. Como ben di el, un anda co tractor, outro na viña e incluso o prior (musicólogo) non lle caen os aneis se ten que limpar os WC. Alguén pensará, atinadamente, que non fai falla atravesar os Pireneos para atoparse con iso, que mesmo pódese sen ir máis lonxe de Samos. Así é. Pero teñen aló tradición de xuntárense varios de distintas procedencias para aproveitar o recollemento á vez que a música sacra. Cóntame Jaume que na pregaria do Venres Santo interpretaron dúas pezas a trío de frautas que moito agradaron aos congregados a carón da cripta románica, con forma de seta e só suxeita por unha columna central. Hai moitas maneiras de atopar a paz interior. O silencio, a oración e incluso a música, axudan. Ha ser así no adeus a Karol Wojtyla.