Fole: un xenio en Babia

MANUEL XOSÉ NEIRA

LUGO

TRIBUNA | O |

26 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A DON Ánxel Fole a vida pillouno en fóra de xogo. Un despistado. Trátase dun xenio ao que a vida e a literatura o pillou a contralús. Lugo ten dúas xenialidades de segunda división: o vate Luís Pimentel e o profesor Ánxel Fole, o xenio despistado. En Babia. Estamos nunha Ilustración insuficiente como aparello crítico e epistemolóxico tal e como defende Eduardo Subirats, filósofo, crítico cultural, coido que arquitecto etcétera. Considero, acho que non foi un disparate absoluto nomear a Fole para Premio Nóbel. A Asociación de Escritores en Lingua Galega atinou. Era a Galiza profunda que quería expresarse con rotundidade e balbuciu en Fole. Falou coma un pícaro: Bla, bla... Fole foi o cativo creador de mudos. O escritor neneiro, non pasou a unha idade adulta. Mesmo escribía con defectos estilísticos, tal un pícaro. A Galiza profunda ten moito que amosar: xatos da raza rubia, dous Grecos en Monforte, aceite en Quiroga, o mármore do Incio... Dicía Juan Benet que a literatura era un artefacto. Pois ben, Fole é un artefacto desaxustado. Unha bomba sen mecha. Un artefacto estragado. Proclamo a miña modesta profecía: converternos en salvaxes, pintar as árbores de cores rechamantes e cálidas. Algún día saberemos por que Ibarrola o fai, con sorte discutible. Eu, humildemente, non o sei. Os boscos deben destilar sangue como pintaban con sangue os primitivos de Altamira. Sangue doce.