NO OUTEIRO | O |
09 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.TIVO graza. Un home queixábase de que el non soubera nada. Estaban no Concello a mirar os planos do expediente do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Láncara. Queixábase de que ata o último día ninguén lle dixera que había aquilo para mirar os planos e presentar alegacións. Quedábanlle so vinte minutos cando chegou. A rapaza díxolle que o prazo levaba aberto moito tempo e que saíra nos medios de comunicación. Ademais, que tamén se lles pasara unha nota a cada pedáneo das distintas parroquias. Llo home contestou así: «Llos que non lemos a prensa e non nos falamos co pedáneo...». Pois si. Cabe supoñer que quen exerce as funcións de pedáneo colocara a devandita nota nalgures. Normalmente no pao da luz a carón da igrexa, nun cruce de camiños, etcétera, para que todos os veciños poidan velo. Inda así, deámoslle algo de razón ao home que aducía non ter coñecemento de tal. Porque, así polo baixo, cántos no rural len un xornal. Esquezamos que a cifra nos núcleos urbanos tampouco é como para tirar foguetes. E postos a preguntar, ¿cantos paisanos levan as gafas cando van coas vacas? Logo, ¿unha carta ao uso tradicional sería moito pedir?