«A aldea está en horas baixas»

La Voz X.?M.?P. | VILALBA

LUGO

PALACIOS

Protagonista | Manuel Regal

29 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

As louvanzas á vida no campo están moi presentes na literatura, comezando polos poetas latinos e por algúns dos principais do Renacemento. Podería pensarse que Manuel Regal, autor dun libro sobre a parroquia de Candia (Abadín), pertence a esa corrente, pero el rexeita esa idea. O libro, titulado Candia , presentouse o venres pola noite en Vilalba, nun acto que organizou a Fundación Manuel María. A razón pola que fala da aldea é, polo que se deduce das súas palabras, a necesidade que sente de darlle á zona rural unha importancia que a el lle parece grande. «Non hai -di- unha visión idílica. As cousas cambian; pero se cambian hábitos culturais e de convivencia, debemos saber que somos herdeiros dunhas tradicións moi ricas. O libro non é unha visión idealizada senón unha visión de algo que está aí. O mundo da aldea está nun mal momento, pero segue a ser un referente». Regal non nega que «a aldea está en horas baixas», pero cre que cómpre «un certo labor de resistencia» que sirva para que se recoñeza a importancia da aldea. E o autor do libro, no que predomina a parte escrita en verso sobre a da prosa, recoñece que hai novas relacións co mundo rural. Por unha banda, Regal, cando se lle pregunta se ve aínda futuro nas zonas rurais dunha comarca como a Terra Chá, salienta que hai labregos con inquietudes, preocupados por atopar novas maneiras de produción, e engade: «Eu creo que sempre haberá xente que prefira o campo como espazo de convivencia». Por outra, di que o recente pulo do Camiño Norte reflecte tamén o interese que as xentes das cidades poden sentir por xeitos e lugares de vida afastados dos seus. Regal admite que o futuro do mundo rural non é doado, pero engade que «está aí, e seguirá estando, ofrecendo todo o que ten de fermoso, que é moito».