Os misterios de Lugo

MANUEL XOSÉ NEIRA

LUGO

TRIBUNA | O |

11 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

SE HAI unha cidade orientada en parte ao misterio, ila é Lugo. Isto sabíao ben Celestino Fernández de la Vega. Así poderiamos comezar falando do xardín de Facenda onde unha néboa órfica, tan de poema de Dino Campana, subsume o canto do merlo entre a hedra vermelliza. No parque unha pérgula terma dunha glicinia no mirador que dá ao río Miño, isa vista tan de postal e sen embargo tan verídica. ¿Cómo non ter misterio unha cidade que disfruta dun parque con nome tan acusadamente literario e misterioso, parque lugués tan amado de Rosalía de Castro? Falaba de Celestino Fernández de la Vega e da suxestión que pre il supuñan aquiles olmos negrillos que secaron pola grafiose da porta grande da Catedral. Agora tamén na Praza Maior a frefiose varreu, secou, cercenou a vella alameda tan machadiana. Dous cadriños de Luís Gómez Pacios no Banco Pastor. E unha volta de torniquete regresar ao benamado campo: en Bocamaos ou Vilacendoi unha carballeira ben coidada resume unha voscaxe de ninfas ou fadas. Faise preciso ver Lugo cos mellores ollos posíbeis, cos ollos da alma. Así descubrimos de contado un mundo novo: o Campo Castelo, a ensoñación dalgún idílico piso entre as ponlas dos fermosos magnolios ou rododendros. En efecto, eu sinto que a nosa urbe Lugo é a cidade do misterio quizáis simbolizado iste no Cristo Sacramentado da Catedral. En cada recanto paira o misterio dunha cidade nin grande nin pequena que se espreguizae que medra con xeito e sentidiño. Procuremos entre todos nosoutros ises anacos de misterio, ises recantos fermosos e delicados de cidade outoniza ou primaveral.