La seis Xosé Luis Barreiro, Anxo Guerreiro e Xosé Manuel Beiras analizaron onte nun debate do Clube Alén Nós as consecuencias da falla dunha política autonómica
10 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Coa intención de analizar a política actual e futura de Galicia, o Clube Nacionalista Alén Nós reuniu onte nun debate a Xosé Luis Barreiro Rivas , Xosé Manuel Beiras e Anxo Guerreiro . A convocatoria foi ben acollida pola cidadanía lucense, que abarrotou a aula de Caixa Galicia para escoitar tres discursos cun eixo común: a proximidade das eleicións e a necesidade dun cambio político. A ex portavoz do grupo municipal do BNG en Lugo, Branca Rodríguez Pazos , foi a encargada de presentar o acto, no que afirmou que aos galegos se lles presenta a oportunidade real do cambio. Rodríguez Pazos incidiu en que os cidadáns «necesitan unha transformación real do noso país» e lembrou que son os galegos os únicos protagonistas. Xosé Luis Barreiro comezou a súa intervención concretando que en Galicia só se fala actualmente de dous asuntos: os presupostos do Estado e a reforma dos estatutos, e non das listas de espera na sanidade, da calidade do ensino, dos prazos das obras públicas e doutros temas. Esta situación, cre Barreiro, ven derivada da falla dunha política autonómica: «Nós non nos preguntamos qué fixo este país cos recursos de cohesión que chegaron a Galicia nos últimos anos». Publicamente Barreiro confesou que o debate político actual «produce bochorno», ademais de afirmar que única pretensión do poder «é manter ruralizadas as estructuras humanas». Comparou a dispersión física do territorio coa dos seus habitantes, analizou as consencuencias da falla das relacións internas e insistiu en que en Galicia o que segue marcando o horizonte do debate é o Partido Popular. Todo, para acabar preguntándose si a potenciación da perspectiva da individualización «é realmente un investimento razoable para desenvolver o conxunto do país». Tomou a palabra Anxo Guerreiro, ex líder de Esquerda Galega, para incidir na idea que estivo presente en boa parte do debate: a necesidade do cambio político. «Teño a impresión persoal e creo que existe unha percepción xeralizada desde 1989, ano de desembarco de Fraga, de que se vai disputar de verdade o poder político deste país. Estamos no momento en que se pode dar un salto político», declarou minutos antes de que dera comezo a intervención de Beiras.