Crónica | Un libro especializado O Colexio de Arquitectos editou xunto coa Consellería de Educación o «Dicionario Visual da Construción», presentado onte en Lugo
10 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O coordenador deste novo dicionario é o arquitecto lugués Alberte González, que puxo como exemplo de castrapismo o emprego por parte dun operario do termo «pinoloco» para designar o remate dunha cheminea cun pináculo. Este libro pretende ser unha axuda para os profesionais do sector, en todas as ramas da construción, e recolle 6.000 termos que foron revisados polo centro Ramón Piñeiro. Durante o acto de presentación o conselleiro Celso Currás lembrou que a consellería ten a responsabilidade da formación profesional do sector, con ciclos formativos de moita demanda. «Ademáis -subliñou-, a consellería é unha entidade construtora, e boa mostra en Lugo son os dous fermosos edificios dos conservatorios de música e danza». Para a ilustración do libro, realizada en parte por Matalobos, tomáronse exemplos como o exterior da catedral de Lugo -que se pode ver na imaxe aérea adxunta-, a fachada da catedral de Mondoñedo, así como planos, vistas de obras hidráulicas, ferroviarias, instalacións, obras de fábrica e acabados de todo tipo, ademáis das ferramentas comúns nas obras. No acto celebrado na sé do Colexio de Arquitectos de Lugo, estiveron o presidente do mesmo, Wenceslao Posada e cargos de Educación como o director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras; o delegado en Lugo, Jaime Santoalla ou José Antonio Labrada Losada.