OPINIÓN
24 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.LEVAMOS asistindo dende hai varios anos á crónica dunha morte anunciada, xusto dende o momento no que se publicou a actual Lei de Caza de Galicia. Para moitas persoas é un tema que, incluso, lles pode facer gracia ou enchelos de ledicia, pero desgraciadamente é unha medida máis de desmantelamento do agro galego. Mentres os nosos gobernantes están adicados ás loitas e liortas sucesorias, incluído o conselleiro de Medio Ambiente, os gandeiros están a sufrir sistematicamente, e ano tras ano, os danos producidos pola caza maior nos seus cultivos. Os cazadores estamos a recibir os paos por un lado e máis polo outro, léase desprotección por parte da Xunta, que tamén pagamos impostos e as sentencias xudiciais por danos. Hai tempo, cando se promulgou a Lei de Caza de Galicia, e despois de examinala con ollos de afecionado, decateime de que estaba perfectamente estruturada para converter Galicia nun gran coto de caza maior; as medidas tomadas por Medio Ambiente con posterioridade, tales como a introdución da cabra hispánica, gamo, venado, muflón ou rebeco, deixando a parte os custes económicos, veñen a confirmar as miñas sospeitas, contando con que moitas das citadas especies nunca estiveron presentes no noso país, e que outras desapareceron hai séculos polo inadecuado hábitat. Concedín un prazo prudencial, creo recordar ata o 2010, para seguir a practicar a caza tal e como a coñeciamos. Hoxe vexo, con tristura, que apuntei moi alto. Na Xunta, lávanse as mans e os que se debían comprometerse -Federación Lucense e Galega de Caza e Asociación de Cazadores- seguen tan tranquilos porque xa negociaron e pactaron entre eles a lei. Os responsables, como teñen contactos, xa cazarán onde lles veña millor. Penoso. Actividade elitista No momento en que a caza se transforme nunha actividade elitista e se olvide ao gandeiro ou ao labrego, converterase nunha actividade empresarial máis, auspicida pola mesma Xunta e coa connivencia da Federación de Caza. Antes de dar comezo a esta que pode ser a nosa última tempada como tecor de Castroverde, moitos dicían de non cazar, contando que xa tíñamos en riba unha sentencia xudicial desfavorable por danos no 2003; outros dicían de cazar e, outros simplemente, de renunciar aos dereitos de caza. Probablemente algo disto sexa o que faremos nos próximos días, ou meses, si é que nos cae outra máis en contra, porque non somos millonarios, nin propietarios, nin certamente os responsables de que os xabaríns fagan danos nos prados, no millo, nos hortos. Porque a Xunta ten unha orde anual de vedas pola que non podemos cazar cando queremos, regúlanos unhas datas e meses determinados e, aínda que permite batidas por danos, sobre todo este ano, non teñen os resultados apetecidos por ser fora de época, polas temperaturas e pola falla de adestramento dos cans. E así, enfrentándonos aos gandeiros, que é o que están intentando facer, e téndonos aos socios do tecor como proxecto empresarial, tanto a Xunta coma a federación están a ver o que pasa. Os cazadores, polo menos os de Castroverde, non imos caer neses enfrontamentos cos gandeiros, posto que a meirande parte vimos do agro e apreciamos esa vida de sacrificio e esa cultura que é a que lle deu a alma a Galicia. Pero si deixamos de cazar, os danos, sen dúbida, aumentarán, e nese momento xa me dirán como van amañar o tema e a quen lle van pidir indemnizacións ou responsabilidades. O único que conseguirán, de verdade, é agravar, si cabe, o problema dos cultivos e dos gandeiros, e pode que propiciar enfrentamentos con individuos que pretendan vir a cazar aos terreos que queden libres. Non é un aviso, é constatar unha realidade que se palpa nos afectados e que está derivada desa desprotección pola que nos vemos afectados todos. Que tomen nota o resto dos tecores porque van ir polo mesmo camiño. Ogallá me confunda nas miñas apreciacións, pero ao paso que imos é convinte recordar un dito castelán: «Entre todos la mataron y ella sola se murió». . Socio 410 da Soc. Chamoso de Castroverde.