Asubíos, e protesta Inglaterra

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

20 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

NON sei se a néboa destes días veu de Londres canda os famosos hooligans. Chamoume a atención que até o goberno inglés protestara polo que pasou. Foi falar o cazo da tixola! Resulta que uns cantos asistentes ao partido de fútbol que xogou a selección española contra da inglesa tiñan fixación cos xogadores negros. Segundo transcendeu, cada vez que algún tocaba o balón eran insultados e asubiados. Foi unha minoría pero Toni Blair sentiuno. ¡Vaia! Se o sentira polos pobres iraquís miren canto non aforraríamos en vítimas e denuncias! En fin, volvamos ao do partido. ¿A que van eses energúmenos? De fútbol, xa se viu, entendían pouco os que cren ser superiores aos demais só por ter unha cor diferente na pel. E por pertencer a un grupo reducido que toma -como se da pena de Perexil se tratara- os fondos dos estadios. Ás veces, senón sempre, co consentimento da directiva. Isto si que fai dano e apréndeno axiña os cativos. Que van ao fútbol da mao dos seus pais ou avós e volven con esa imaxe na retina. Despois alarmarémonos de que nos colexios haxa vandalismo, racismo e xenofobia. Para unhas cousas tanto escándalo e para outras tan pouco.