NO OUTEIRO | O |
22 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HAI POUCO limparon as cunetas da estrada que une a Pobra con Láncara e Baralla. Facíalles boa falta porque as herbas altas impedían a visibilidade dos vehículos e viandantes, que teñen que ir mirando onde poñen o pé e coidando ben dos coches. Pois ben, resulta que antonte xa vin tiradas varias bolsas cheas de lixo a carón desta estrada que entronca a N-VI coa C-546 que une Nadela con Sarria. Só no pequeno treito que andei atopeime con varias desas bolsas cheirentas. Os que se desfixeron delas, seguramente dende a ventá do coche, non tiveron reparo á hora de contaminar o medio. Porque, ¡carafio!, non haberá recollida selectiva do lixo, non funcionará aínda o Punto Limpo (malia que leva rematado hai tempo), pero cun pouco de vontade hai bidóns onde tira-lo lixo. E senón, que os pidan no concello. Todo menos estrar as beiravías da porcallada que se xunta nas casas, que a bo seguro non lles había gustar que llela volveran e tiraran nas súas eiras. O público é de todos. Claro que se atendemos ao que me dixo unha muller: «De todos si, pero de ninguén. Só deles». ¿A quen se refería? Non será cousa de ter que privatizar as cunetas, ho!