TRIBUNA | O |
22 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.SON PARA recordar e ter en conta, sen dúbida. Baixo o título de Fotoxornalismo na Fundación Caixa Galicia pódense contemplar instantáneas que plasman un recuncho da vida en maiúsculas ou do máis cotiá. Momentos que de non estaren alí os fotoxornalistas perderíanse nunha dimensión difusa. Por iso a fotografía segue tan viva. Observen o contrasentido de Dirixindo o tráfico , de Pradero Reparen no simbolismo nunha de Agrelo na que se verte o nome dunha multinacional por riba dun pobre descalzo. E sen abandonar a simboloxía, non lle quiten ollo á caxata que se ergue por riba da Tractorada ou a ese todos-somos-un, incluso durmindo, dos mariñeiros; ámbolas dúas de Lombardero. Collan coas mans os ladrillos dos cativiños de Vega, atendan a unha curiosidade de Schilt, ás engurras do paisano de Lago ou á visita de González e Carrillo a Lugo plasmada por Álvez. Atendan, igualmente, á virtuosidade na Catedrais de M. García, á muller que calceta nunha de Villarino ou ás Mikado de Gómez ou Parga. Se ben a todos eles cómpre engadir unha lista formada por Marciel, Balvís, Óscar Cela, J. M. Vázquez, M. Expósito, Corral, Marra, Santy, C. Rodríguez, Tizón, A. López., Peinó ou Villarabid. Por último, queden xa coa expresividade das facianas fotografadas por Xesús Ponte ou a desas mans do adeus que recolle Ramallall.