DESDE EL ADARVE
21 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A XUNTA e Sogama están levando a cabo nos últimos tempos unha abondosa campaña publicitaria para ensinarnos a reciclar e que non tiremos os desperdicios así o vaiche boa. Estoutro día recibín en Outeiro de Rei un folleto que me anuncia grandes premios se meto o lixo onde debo e a cada bolsiña lle poño o meu nome e o enderezo. Non saio do meu asombro porque no meu barrio non hai ningún recipiente para botar o cartón e moito menos os vidros. Para papel aínda non vin ningún en toda a bisbarra. O dos vidros está a tres quilómetros, ao lado do campo da festa. Non pretenderá nin a Xunta, nin Sogama, nin o Concello que vaia en rogación leva-las botellas. Claro que, se en vez de ofrecer outros premios, fixeran unha festiña (desas que tanto lles gustan) no campo onde está o recipiente, ao mellor moitos pensaríano.