DESDE EL ADARVE
15 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O PASADO XOVES, varias horas despois dos atentados de Madrid, un compañeiro que lle botaba unha ollada ao xornal do día comentoume: «Todo isto xa é vello, o traballo que fixemos onte vale pouco hoxe». Tiña razón, pero iso é algo que calquera de nós acepta en situacións semellantes, nas que só desexa, como calquera cidadán, que non se repitan salvaxadas dese tipo. Tamén esta semana empezan a envellecer os carteis e os eslóganes que ata hai uns días nos anunciaban as elecións de antonte. Pero catro anos dan para moito -para que naza e comece a medrar un neno, para que un rapaz se converta en adulto, para que un vello acabe a súa vida e se transforme en lembranza para os seus-, e deberían valer para unha colleita: significaría que os desexos de mellora para a provincia, tan repetidos nestas últimas dúas semanas, darían froito e non murcharían nada máis nacer.