Atacan os Berlusconis

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

15 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

BERLUSCONI non tiña un mal día. Cando abriu a boca para referirse á evasión de impostos estaba a ser sincero. Máis honesto ca nunca, dixo o que nin máis nin menos fan e pensan moitos multimillonarios coma el. Certo que se fora máis solidario aproveitaría a rolda de prensa para dicir que os que menos ganan deberían quedar exentos de tributos. ¡Que va! ¿Que foi logo? Dixo que a evasión de grandes capitais entraba «dentro das verdades do dereito natural». Máis claro imposible. Estas palabras do neoliberalismo máis puro deberían alertar ós asalariados todos. Os únicos que non poden evadir nin poñer os seus cartos en paraísos fiscais. Chega dabondo con acabar o mes. Preguntas hai moitas, máis das que permite este espacio. Pero hai dúas importantes: 1) ¿Por que un tipo coma este chega a ser presidente de Italia? 2) ¿Por que as causas que ten pendentes coa xustiza non lle afectaron? A primeira respóndese analizando a escasa musculatura da política dese país. A segunda, porque amais de controlar o poder mediático, Berlusconi controla tamén o executivo, lexislativo e con eles, o xudicial. ¿Víronlle xa as orellas ó lobo? Atentos aquí.