Blas Lourés no Círculo das Artes

| DARÍO XOHÁN CABANA |

LUGO

OPINIÓN

11 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTÁ Blas Lourés expoñendo no Círculo trinta obras de pequeno formato que son outras tantas marabillas. Témperas, acuarelas, pinturas feitas con esmalte en frío. A técnica é depuradísima, dunha abraiante habilidade: Blas Lourés pinta como quere. A man obedece dunha maneira máxica. Din os que saben diso que a acuarela é unha técnica dificilísima: as catro acuarelas que hai no Círculo parecen desmentilo coa súa perfección exquisita, coa súa pasmosa limpidez. Como tamén as témperas asombran coas súas sabias texturas abstractas, detrás das cales ben se ven as paisaxes oníricas. Pero quizabes non sexa menos difícil o manexo do esmalte en frío, que é, segundo creo, nin máis nin menos cá excelente pintura industrial que os mortais comúns usamos para cubrir obxectos de uso diario cunha resistente capa toda igual de cor. Blas Lourés escolleu o esmalte negro para crear unha serie de dezaseis pinturas sobre o Courel; e sabe o demo como conseguiu unhas gradacións de grises, desde o máis intenso ata o máis semellante ó branco, que non parecen cousa deste mundo. Pero a técnica é unha ferramenta; o que en verdade importa é a emoción que impregna estas atmosferas montesías, a vibración do ar, ese latexo universal que envolve os tesos cumes, as caivancas, as casas derrubadas polo tempo inexorable. Este é o Courel íntimo, o Courel do corazón, a esencia pura do Courel. As dezaseis pinturas desta serie son, si, lexítimas irmás dos poemas de Uxío Novoneyra, na ca do cal, por certo, estivo Lourés unha longa tempada, andando os dous polos camiños ásperos de aló. Desa afortunada estadía naceu a memoria na que grelaron estas obras primas. Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! Eiquí síntese ben o pouco que é un home. Grande cousa sería que se fisexe unha edición d' Os Eidos en formato folio e bo papel, ilustrada con reproduccións coidadas destes dezaseis esmaltes e das catro acuarelas que doutra maneira soñan o Courel. Sen dúbida o Novoneyra, que amaba os libros fermosos, sería feliz se a puidese ver; e nós, que amamos o Courel, que amamos os versos do Uxío e as pinturas do Lourés, teriamos materialmente nela unha desas cousas perfectas que, unha vez vistas, parece que non poden imaxinarse máis doutra maneira. Teño unha crenza firme desde hai xa moitos anos: Blas Lourés é un dos grandes pintores galegos de todos os tempos. este home discreto, sempre instalado nunha ética máis ben proletaria, pode enganar a algúns que se deixan seducir pola estridencia e o autobombo. Pero a maneira vital do Blas Lourés, a súa esixencia consigo mesmo, o seu continuo pescudar tranquilo, a súa fondura no sentir e a súa asombrosa sabedoría técnica, son certamente os atributos dun pintor esencial, e a súa traxectoria artística é o camiño dun grande.