TRIBUNA | O |
16 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.SETEMBRO de 2003, outubro, novembro, decembro e, por fin, últimos de xaneiro do 2004. Estas son as follas dun calendario que un paciente tivo ir arrancando antes de que o vira o oculista. Si, outra anécdota máis que escoitei por casualidade. Outra que vén a demostrar que as listas de espera existen malia que logo se publicite o contrario. ¡Como xa está todo feito! En fin, como noutras ocasións, alguén falaba e facíao para todos os que estabamos arredor. Un señor contáballe á veciña que tiña mal a vista e que pedira cita para o oftalmólogo, pero que non lla deran ata cando sabemos. Como ben poden imaxinar, quen máis e quen menos tirou dos casos que sabía. Total, que hai que ver cómo nos están deixando a sanidade pública, aquí xestionada polo Sergas. A cousa, non se crean, ten a súa importancia. Así e todo, na vida incluso as cousas máis serias admiten tamén unha dose de humor. Lean senón o que o tal home pronunciou: «Mirándoo ben, ata é unha sorte que tarden tanto en dar a cita». ¿Por que?, preguntaranse e preguntámonos todos. E vai el e responde: «Porque así hai tempo de ir aforrando para as gafas». Pois si, leva toda a razón.