Entrevista | José López Orozco Tres anos despois da data da declaración da Muralla Patrimonio da Humanidade pola Unesco, o mandatario considera que se están cumprindo as expectiativas que espertou
29 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.O alcalde de Lugo, José López Orozco, maniféstase satisfeito coa influencia que tivo no aumento do turismo a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Espera que en sete anos se peche unha etapa iniciada hai hoxe tres. -¿Nótase o aumento do turismo dende o acordo da Unesco relativo á Muralla? -En canto ó turismo nótase moito. Foise triplicando o número de turistas desde o ano 2000, polo tanto estamos xa nunha cifra aceptable de visitantes, e temos que seguir traballando máis co fin de conseguir que sexa una das patas do banco do desenvolvemento de Lugo. Este é un traballo feito non só polo Concello, que estivo presente nas feiras de turismo máis importantes de Europa, senón tamén pola Xunta, a través da Consellería de Cultura, cando fixo aqueles grandes carteis que conmemoraban a Muralla Patrimonio da Humanidade. -¿Participaron outros organismos? -Tamén hai que lembrar o gran traballo que fixo o Instituto Galego de Vivenda e Sólo na compra de 55 vivendas, cun investimento na zona máis degradada do casco antigo de 15 millóns de euros. Todo isto, xunto co convenio que temos entre o Concello, o IGVS, Fomento e coa aportación veciñal, estáselle dando un cambio de 180 grados ó casco histórico. Tamén se actuou en case tódalas rúas, traballos que comezaron na época de Joaquín García Díez e que continuamos nós. O casco histórico estase dotando dun alumeado totalmente novo, co cal a cidade cada día está nunhas condicións mellores para recibir turistas. Todo isto débese fundamentalmente ó recoñecemento que tivo a Muralla hai tres anos. Agora, como guinda deste pastel, o recoñecemento que se nos acaba de facer co Plan de Excelencia Turística, que son tres millóns de euros a investir en cinco anos. -¿Cumpríronse as expectativas para estes anos? -Cumpríronse de verdade. Nunca debemos estar satisfeitos, pero melloraron a calidade da oferta turística, o número de visitantes e o coñecemento de Lugo. -¿Cando chegará o día en que o traballo sexa para mantemento do interese dos turistas pola cidade, máis que de divulgación do seu patrimonio? -Paréceme que no 2010 ten que ser o momento no que esteamos en tódolos circuitos, sexa unha cidade coñecida polos operadores turísticos e forme parte de paquetes de Galicia e da provincia. -¿Hai algún contacto coas outras zonas de España que tamén recibiron ese recoñecemento no ano 2000? -Teño algún contacto telefónico e en encontros e reunións de alcaldes. Todos eles coinciden en que foi beneficiosa a declaración de Patrimonio da Humanidade. Posiblemente en Lugo, como partíamos de menos, conseguimos máis. -Aínda que xa hai unha asociación de Amigos da Muralla, ¿non debería existir unha institucional ou manter unha colaboración máis grande con esa? -A mín paréceme ben que existan todo tipo de asociacións que compartan o obxectivo común de impulsar o coñecemento da Muralla. Polo tanto estou dacordo coa súa existencia e co traballo que está a facer. Espero que co Plan de Excelencia Turística haxa máis cooperación entre todos. Aquí somos todos necesarios, ninguén imprescindible, e tampouco sobra ninguén. -¿Os hostaleiros están respondendo ben? -Si. Non fai falta máis que dar un paseo polo casco histórico para ver as rehabilitacións de establecementos.