¿Que induce a un maltratador?

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

26 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

¿QUE SE agocha detrás dun ser así? Resultado: Lola tivo que saír da súa casa de madrugada. Sen nada máis enriba que o camisón que levaba posto. Marchou sen as súas fillas. Tres. A maior non cumprira aínda os dez anos. Malia todo isto, Lola tivo sorte pois conseguiu escapar do fío daquel coitelo que a perseguía. Por todo un fogar que ela mesma axudara a construír. Daquela traballaba como cociñeira nun restaurante. Despois de tirarse dende o primeiro piso embaixo pola pequena ventá do aseo, fuxiu. Deixou Lugo e marchou á Coruña con catro pesos prestados. Non tivera tempo de coller nada. Alí non coñecía a ninguén. Tampouco se atreveu a desvelar o seu novo enderezo. Por medo a que puidera coñecela o marido e aparecera para rematala. A democracia comezaba a andar. Se cadra todo era entón máis difícil que agora. Iso si, tivo sempre claro que en canto puidera, había volver polas súas fillas. E así o fixo unha vez que xa tiña con qué pagarlles o internado onde as deixou. Nunca alí elas foron felices, pero nin con esas acabaron coa súa ilusión. Medraban suspirando xa polos Pecos e Miguel Bosé. Lola deixaba atrás corenta anos perdidos.