Entrevista | Xesús Alonso Montero O académico presentou onte en Lugo o seu libro «A batalla de Montevideo. Os agravios lingüísticos denunciados na Unesco en 1954»
21 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.?esús Alonso Montero presentou onte na galería Sargadelos o seu libro A batalla de Montevideo. Os agravios lingüísticos denunciados na Unesco en 1954 . -Non é unha batalla naval nin unha novela, como podería parecer polo título. En novembro ou decembro de 1954 a Unesco celebrou a oitaba conferencia en Montevideo. Os galeguistas presentaron un documento en tres idiomas, nos que non figuraba o castelán. A xente xa sabía o que era a dictadura, pero non tiña noticia da represión lingüística tan brutal que había. -Daquela Fraga era o secretario da delegación española na Unesco. -Fraga Iribarne tivo que inventar argumentos bastante «fraguescos». Dixo que aquelo todo era unha mentira, que cómo ía Franco a perseguir o galego, se el era galego. Fraga concienciouse deste problema alí, e como sempre quixo ser minimamente reformista procurou que a política de publicacións do franquismo fora menos severa. -¿Entón deu resultado a batalla? -Pouco despois publicáronse as obras completas de Curros Enríquez e unha obra de Heidegger en galego. As batallas teñen escaramuzas preliminares e eu recollo as de entre o 1951 e o 1954. Unha desas prohibicións padecina eu. Fun ó acto de ingreso na Academia do arquitecto Gómez Román coa intención de escoitar a resposta de Otero Pedrayo en galego. José Solís prohibiu que falaran galego nunha chamada de teléfono. Tivo que ingresar cunhas palabras en castelán. O discurso non era contra o franquismo, senón de arquitectura e arte en Galicia. Hai probas do que conto porque atopei os textos.