Douche os meus ollos

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

28 oct 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

«VOU CAMBIAR; esta vez si». ¿Sóalles? Seguro que a tódalas mulleres maltradadas si. Ós homes que o son, tamén. Iso lles din despois de soltar berros e patadas, non todas pola boca. «Douche os meus ollos», a última de Iciar Bollaín, alértanos de que unha cousa é amar e outra distinta regalalo todo. Incluso a vida. ¡Canto se pode sangrar por dentro sen derramar unha gota! ¿Que será máis terrible? Ese medo paralizador que impide reaccionar a tempo ou ese non querer ver a realidade. E é que ás veces custa demasiado pechar a porta trala que se agochan tantos demos. Hai varios retallos no filme que buscan concienciar. Outros facer rir. Nembargantes, unha escena resulta dabondo elocuente: Cada vez que Antonio (Luís Tosar) entra na casa, Pilar (Laia Marull) méxase de medo. Un temor que perturba o ambiente familiar e pinta nas paredes a mesma pregunta: ¿Con que carácter virá hoxe? Así se resume o que significa vivir pendente dos inesperados cambios de humor, celos incontrolados ou tolemias dun ser que durme na túa mesma cama. Un ser só capaz de disfrazar a súa mediocridade con agasallos, caricias e outros meigallos. Todos igual de falsos.