Inicio de curso

ÁNGEL PEÑA

LUGO

TRIBUNA | O |

01 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NESTE inicio de curso o STEG insta á Administración educativa a que tome con interese o ensino e poña os medios para melloralo. As recentes supresións de unidades e centros lévannos á seguinte reflexión: A baixada de alumnado á que alude a consellería para xustificar as súas reformas, lonxe de significar un «cruce de brazos» para este departamento, debe servir para ofrecer novas oportunidades no sistema educativo público, que agora se pode defender mellor reducindo o número de escolares por aula e aumentando o de profesorado por grupo. A actual conxuntura deberá permitirllle á consellería afrontar unha serie de medidas, impensables con clases masificadas, e introducir novas figuras de apoio ao alumnado, atender mellor as necesidades educativas especiais, así como a repercusión da inmigración na escola. Tamén se pode aproveitar a ocasión para ampliar a oferta de ensinanzas nas comarcas, incrementar as retribucións e rexuvenecer os cadros de persoal docente, e en definitiva, para mellorar a calidade do sistema educativo público reforzando os niveis más desatendidos, e que resulte así un servicio máis atractivo para as familias e a sociedade, pois está no seu dereito esixilo. Agardamos a que a consellería non precise suxestións e que xa tomara estas medidas.