A cidade novelada por Ánxel Fole

La Voz LA VOZ | LUGO

LUGO

XABIER NOVO

Máis dun cento de lugueses festexaron onte o centenario do escritor nado na cidade Familiares e escritores acudiron á homenaxe na que non faltaron nen flores nin a música

11 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Máis dun cento de persoas citáronse onte na praza de Campo Castelo para renderlle homenaxe a un dos lucenses máis ilustres no día en que cumpriría cen anos. O escritor Ánxel Fole recibiu o tributo do Concello e dos lucenses que hoxe len os seus contos, e estudian e se deleitan coa súa obra literaria. A música da banda municipal de Antas deu a benvida a familiares do escritor lucense e a persoeiros da cultura galega, como os escritores Darío Xohán Cabana, Isidro Novo, Paco Martín e outros. Tampouco quixeron esquencer a hora da cita boa parte dos concelleiros lucenses, ex edís locais e representantes da Deputación Provincial. Foi o mandatario local de Lugo, Xosé López Orozco, o primeiro en intervir. Xunto á estatua de Fole, o rexedor recoñeceu as obrigas que a cidade ten co escritor falecido no 1986. «Cantos amigos, si señor. Foi unha das últimas cousas que lle escoitei no grupo Fonmiñá pouco antes de morrer», lembraba Orozco, ó tempo que eloxiaba o traballo desempeñado polo catedrático de Lingua Española e director do Instituto Ramón Piñeiro de Compostela, Luis Alonso Girgado, en torno á súa investigación sobre a vida e obra de Fole. Parte da historia Girgado, que participou xunto cos familiares na ofrenda floral, destacou o carácter modesto «pero moi sentida homenaxe» a unha figura significativa para a lingua e literatura galega da metade do século pasado. «Fole pertence a unha casta de escritores vinculados ó lugar no que naceron», explicou. Tamén incidiu Girgado na importancia dos lazos sentimentais de Fole coa súa cidade de nacemento, ata o punto de recoñecelo como parte inesquecible do pasado lucense: «A historia de Salamanca non se podería escribir sen Unamuno, nin a de Oviedo sen Leopoldo Alas Clarín ...».