«Para subsistir, precisamos apoio»

LUGO

XABIER NOVO

Entrevista | Pedro Castañal

05 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Quedan tres días para o festival Sons do Mencer, que por quinto ano se celebrará o venres na localidade de Riotorto. A ilusión do colectivo Arrincadeira supera o pesar polas perdas económicas que marcaron este certame na súa última edición. O presidente do colectivo, Pedro Castañal, confía no apoio alleo e deixa o futuro da festa «nas mans de todos». -No 2002 tivemos perdas que houbo que superar ó longo do ano. Para que o festival siga adiante é fundamental a axuda de toda a xente. E iso que os veciños colaboran con nós facendo a comida que vendemos. Nós intentamos sufragar o que custan os grupos sacando á venda camisetas e outras cousas. -¿Quere dicir que non contan co apoio das administracións? -Co de ningunha. E non será por non pedilo ... No Concello déronnos 750 euros para as actividades de todo o ano, co que facendo o reparto, quédanos ben pouco para esta. No resto das administracións, tanto en Cultura como na Deputación, sempre rexeitaron as nosas peticións. Para subsistir precisamos apoio. -De todas formas, teñen ilusión polo festival. -Cando empezamos a facelo queriamos recuperar a croa do castro, pero a día de hoxe estamos pensando en cambiar de sitio para non acabar coa zona. Queriamos revivir un pouco o espíritu da festa de merendas que se facían nesta zona hai trinta anos coincidindo co San Cristóbal. -¿Que actuacións musicais ofertan? -Está previsto que a festa empece a partir das dez da noite co pregón de Rául Piñeiro, representante musical e membro da plataforma Nunca Máis. Despois actuarán os grupos galegos A noite do trasno e O lado oscuro. Ás doce e media haberá queimada e despois, tocarán o grupo Renato Spencer, de Brasil e Nastinarka, de Bulgaria. -Tamén terán comida... -A xente do pobo quere colaborar e cociñan todo productos caseiros. Venderanse bolos, empanadas, chourizos, liscos, queixo, filloas e outras cousas. -¿Canta xente colabora? -Entre os que limpamos a carballeira, os que cociñan e o resto, debemos ser entre corenta e cincuenta persoas. -O festival, ¿serve para promocionar Riotorto? -Cremos que si. É unha cita á que ven xente doutros sitios. Cada ano ven máis. O único que esperamos é bo tempo.