«Non nos interesan os poetas que imiten a Rosalía»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LUGO

Entrevista | Basilio Cobo O autor literario comparte proxecto co escritor lucense Xosé Manuel Gayoso.

21 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Basilio Cobo Rodríguez era coñecido ata agora no sur lucense pola súa actividade profesional como médico e pola súa participación na política local como concelleiro do PSOE en Sober. Agora dase a coñecer nun novo ámbito, como fundador da editorial A Gracia VeniaiSedicións e como autor literario, nun proxecto que comparte co escritor lucense Xosé Manuel Gayoso. Os dous primeiros libros que publicou a editorial son obras escritas polos seus fundadores. -¿De onde xurdiu esta iniciativa cultural? -É un proxecto que trazamos Gayoso e mais eu hai bastantes anos e que agora levamos á práctica. Ós dous gústanos moito a literatura e decidimos crear unha editorial, non só para publicar as nosas obras, senón tamén outras cousas que hoxe teñen pouca cabida no mundo literario galego. Buscamos cubrir espacios que están pouco tocados nas nosas letras. -¿En qué medida considera que son novidosos os seus libros? -A novela de Gayoso, Nin Berlín , aborda o mundo rural desde unha óptica descarnada que é pouco común na nosa literatura. Entre nós, a visión do mundo rural que predomina é máis ben de tipo melancólico. En canto ó meu libro, A transfusión , fala dunha época, a transición posfranquista, que ata agora na literatura galega só foi tocada moi de esguello en pouquísimas obras, como Aire para respirar de Antón Baamonde, ou Loaira , de Anxo Rei Ballesteros. -¿A Gracia segue unha liña editorial moi concreta? -Non temos liña editorial exceptuando a norma de non publicar obras repetitivas que se parezcan demasiado a cousas xa expresadas con anterioridade na literatura galega. Non nos interesan os poetas que imiten a Rosalía. -¿Pensan publicar únicamente en galego? -Queremos editar libros en galego, en castelán e probablemente tamén en portugués. Un dos nosos proxectos consiste en publicar obras de Juan Filloy, un escritor arxentino de orixe galega, falecido recentemente, que é descoñecido en España aínda que, na nosa opinión, é tan importante como Jorge Luis Borges ou Ernesto Sábato.